Dende o fin do mundo. Ganador del XI Certamen de relato corto "Nun recuncho da memoria" (2025)
Este certamen organizado por la asociación AFAGA debía tratar sobre el Alzhéimer, en esta edición centrándose en los nuevos roles familiares en los cuidados. Con categoría en castellano y en gallego, logré ganar la categoría en lengua gallega con la obra titulada Dende o fin do mundo. La entrega de premios tuvo lugar en Vigo en septiembre de 2025, en la que pude leer el relato. En los siguientes enlaces se puede tanto leer el relato como también verlo y escucharlo en video leído por mi mismo.
https://afaga.com/wp-content/uploads/2025/09/41a-dende-o-fin-do-mundo.pdf
https://www.instagram.com/reel/DO-0AyXlQk-/
DENDE O FIN DO MUNDO
Non sei que palabra usar para describilo. Non é exactamente tristeza. Tampouco é medo. É outra cousa. Un baleiro lento, que vai medrando sen facer ruído, que che come por dentro mentres lavas a louza, mentres preparas a medicación, mentres a axudas a poñer as zapatillas porque xa non lembra como se atan os zapatos.
A miña nai. A muller que me ensinou a ler, a escribir o meu nome, que me curou os xeonllos cando volvía sangrando da pista de fútbol, que me preparaba a comida para a semana cando fun á facultade, e me facía sopa os domingos cando se alongaban as noites dos sábados. A muller que agora me mira sen recoñecerme.
—¿Quen es ti? —pregunta ás veces, con voz baixa, confundida.
E doe. Doe moito máis do que un pode imaxinar. Porque non é só que non saiba o meu nome. É que non lembra todo o que compartimos. Non lembra quen lle traía flores o Día da Nai, aquela visita a Fisterra para ensinarme o mar, quen me lía os libros ó lado da cama cando aínda non coñecía ben o idioma. Nin tan sequera lembra quen lle sostivo a man cando o médico pronunciou esa palabra maldita: alzhéimer.
Pero eu si lembro. Eu lémbroo todo. Porque amar tamén é lembrar polos dous. E o amor xurde dos bos momentos pero tamén de resistir e apoiarse nos peores.
Ela xa non pode vivir soa, a pesar das protestas e dos enfados. Onde ela quere vivir é na “súa casa”, esa que xa nin eu cheguei a coñecer, pero na que ela se criou. Hai meses que durme na cama do cuarto azul, o meu antigo cuarto. A mesma habitación onde de cativo soñaba con ser un superheroe. Agora ela pasa alí as noites, e eu escoito os seus murmullos desde o corredor, sabendo que hai cousas que non se poden vencer. Ás veces fala soa. Outras, chama por nomes que non coñezo. E ás veces, aínda que menos, di: “fillo”.
Cando o fai, o mundo detense uns segundos.
Se lle explico quen son, sorrí e asinte, coma se comprendese. Pero un minuto despois pregunta outra vez. E aí estou eu, repetindo a historia, disfrazando a dor cun chisco de humor.
—Son o que che come os iogures —dígolle ás veces—. O que che esconde os mandís vellos para que poñas os novos.
Ela ri, e durante uns segundos volve ser ela e a luz envolve todo. Logo, o silencio, e de novo, a escuridade.
Os coidados non son doados. Hai días máis sinxelos. Outros, infernais. Hai mañás nas que o café sabe a derrota. Noites nas que o propio cansancio che impide durmir. Pero tamén hai momentos felices, como pequenas estrelas no medio da noite: cando lle peiteo o cabelo e ela pecha os ollos como se volvera ser unha nena. Cando observa as fotos do salón e murmura que ese home lle soa. Cando me agarra a man con forza, coma se non a quixese soltar nunca.
As enfermeiras e compañeiros de traballo adoitan dicirme que é admirable o que fago. Aínda que se non fose polo teletraballo non quero imaxinar como sería. Supoño que non o asimilan nun home da miña idade. Pero o que case ninguén sabe, detrás das palabras de apoio, é que eu non nacín do seu ventre. Nin herdei os seus ollos verdes, nin os seus xestos ó falar.
Cheguei á súa vida cando tiña cinco anos. Ou máis ben, troúxome á súa vida cando tiña cinco anos. Era un neno despoxado das súas raíces, acabado de chegar dun país en guerra, coa mirada rota, sen un idioma co que comunicarme e co medo cravado no corazón. Ata que ela apareceu para vencer ese medo. Aquel día colleume da man, sorriume, e dixo:
—Imos para casa, meu rei.
Foi a primeira vez que alguén me chamou así. A primeira vez que sentín que podía ter un lugar no mundo.
Desde entón foi miña nai. Non importa o sangue. Importa o que se fai cada día. As mans que te arroupan, as palabras que te consolan cando todo parece perdido. Ela foi todo iso. E moito máis.
Agora, cando a vexo perderse entre lembranzas e ausencias, sinto que tamén se escapa unha parte de min. Que cada vez que esquece algo, pérdese tamén unha parte da miña vida.
Por iso decidín levala a Fisterra. Aquel lugar onde, anos atrás, me levou para que descubrise por primeira vez o mar. Quería que volvese sentir o salitre na pel, que escoitase as gaivotas. Supoño que en parte tamén quería tentar deter o tempo. Ou polo menos, atrasalo un pouco.
—Mañá imos ver o mar, mamá —dígolle mentres meto a roupa na bolsa.
Ela sorrí sen comprender. Ou quizais si comprende. Quizais ese sorriso aínda garde a esencia desa muller que me rescatou hai tantos anos.
Chegamos cedo. O ceo estaba despexado, e o vento traía ese arrecendo salgado que ela dicía que curaba os males. O faro, debuxado no horizonte, seguía tan firme coma sempre, aínda que as nosas vidas, desde entón, parecesen zozobrar.
Axudeina a baixar do coche e camiñamos a paso lento ata o miradoiro. O océano estendíase inmenso diante nosa, co azul que un día me fixo pertencer a un fogar. Ela mirábao, como se intentase recoñecelo.
—Estiven aquí vendo as olas—murmurou, case sen voz.
—Si —respondo—. Viñeches comigo. Eu era pequeno. Era a primeira vez que contemplaba o mar.
Ela volve a mirada cara a min. Nos seus ollos hai un brillo distinto.
—Estiveches chorando —di, e logo sorrí, con ese sorriso que desexo que nunca perda—. Ninguén debería chorar nun sitio tan bonito.
Eu tamén sorrío. Porque ese recordo, ese pequeno fragmento da nosa historia, seguía alí, nalgún sitio, oculto entre a néboa da memoria.
Sentámonos no banco de madeira, en silencio. Eu miraba o mar, ela apertábame a man. Non sabía se mañá lembraría ese momento. Se ao volver á casa volvería preguntarme quen son. Pero ese día, ese instante, pertencíanos.
Quizais non podo deter a enfermidade. Nin evitar a dor. Pero podo coidar. Soster. Estar, como ela estivo sempre que o necesitei.
Porque ser fillo —sexa de sangue ou de vida— é iso: quedar aínda que todos marchen. Recordar cando o outro esquece. Amar en calquera condición.
Mentres o sol comezaba a baixar, ela apoiou a cabeza no meu ombreiro. E antes de pechar os ollos, dixo algo que permanecerá sempre comigo:
—Grazas por volverme traer aquí.
Non dixo "fillo", pero non facía falla. Estaba todo alí, nesas palabras, na súa voz, no mar que nos envolvía coma un lenzo de Monet.
E mentres o vento seguía xogando co seu cabelo branco, eu pensei que quizais si: quizais o mar nos lembraba que, aínda que todo se borre, o amor permanece.

Comentarios
Publicar un comentario